Chegadas directamente dende a tradición máis ancestral do outono, as castañas son en Ourense moito máis ca un alimento. Arredor delas constitúese todo un ritual de símbolos que se articula en forma de Magosto, unha das festas con maior raigame na comunidade. Nas residencias da Fundación San Rosendo, esta celebración transcende a mera tradición gastronómica para converterse nun espazo de encontro interxeracional, terapia da reminiscencia e, sobre todo, vivencias compartidas.
En distintos puntos da provincia, os centros da Fundación organizaron xornadas festivas coa participación activa dos residentes. Na residencia Virxe da Saleta de Cea, a educadora María González relata que o Magosto deste ano foi sinónimo de dinamismo lúdico. “Fixeron xogos, axudáronme a facer unha rá de cartón”, explica María, destacando a implicación dos maiores nunha competición amigable. “Gustoulles moito, fixeron un ranking a ver quen conseguía máis puntos e tamén xogaron ós bolos”. A clave do éxito foi o incentivo e a participación. “Foi un magosto moi especial porque participaron todos, sobre todo cando lles dixen que a recompensa eran caramelos”, bromea. A boa acollida foi tal que o desexo de seguir xogando transcendeu a xornada, levando aos residentes a querer “gardar a rá e poñer os xoves como día de xogos, porque o pasaron moi ben”.
