A Residencia Nosa Señora da Esperanza de Ourense, integrada na Fundación San Rosendo, volveu demostrar que a idade non é un límite para a creatividade e o dinamismo. Dentro da súa estratexia de Envellecemento Activo, articulada a través do Proxecto Experiencia Activa, os seus residentes converteron a celebración do Samaín nunha produción cinematográfica a pequena escala recreando a emblemática escena da discoteca de vampiros da película Blade.
A actividade, planificada e executada de maneira conxunta por usuarios e profesionais, ten un obxectivo claro e terapéutico. A directora do centro, Aránzazu Crespo, explica que o esencial é manter aos maiores “activos”, cunha “ilusión cada día”, e romper coa rutina diaria. A inspiración en Blade adaptouse para ser “un pouco light, claro, nin tanto sangue nin violencia”, centrándose na participación e na diversión.
A preparación deste “Halloween de cine” non foi cousa dun día. A directora sinala que o traballo comezou na primeira quincena de setembro, involucrando a máis de 60 persoas en total. A implicación é máxima: os residentes non só son os actores, senón tamén os responsables do vestiario e a escenografía.
