info@fundacionsanrosendo.es · 988 366 086

Recomendaciones saludables para los mayores en verano

Entrevista con Roberto Fernández, médico de la residencia Santa Marta sobre consejos para que los mayores disfruten de un verano saludable.

«Tomar o sol pode ser moi beneficioso para os maiores,  pero hai que facelo con coidado»

Na residencia Santa Marta da Fundación San Rosendo, a equipa sanitaria promove, a través do programa Experiencia Activa, realizado en colaboración con La Región e que conta co apoio de Inditex, hábitos saudables para paliar a calor entre os usuarios.
As altas temperaturas da época estival supoñen un factor de risco para as persoas de idade avanzada, polo que nunha provincia tan envexecida como Ourense, a cuestión non é baladí. Na residencia Santa Marta da Fundación San Rosendo, a equipa sanitaria promove, a través do programa Experiencia Activa, realizado en colaboración con La Región e que conta co apoio de Inditex, hábitos saudables para paliar a calor entre os usuarios. Roberto Fernández, médico de familia do centro, asegura que as medidas deben fomentar a hidratación e adaptadarse á situación particular de cada maior –idade, estado de saúde, medicación…–.

Cal é a primeira recomendación a ter en conta?

Unha recomendación fundamental é unha boa hidratación, algo xeral para toda a poboación pero que no caso da xente maior é máis complicado, xa que tarda moito en decatarse de que ten sede. Ademais, os maiores sacian a sede con moito menos líquido que a xente nova.

É máis difícil que beban…

E que é difícil facer beber a unha persoa que non ten sede, como facer que coma alguén que non ten fame. Hai que utilizar pequenos trucos, como empregar máis líquidos que auga. Hai persoas que prefiren auga aromatizada con zumes, ou mesmo gaseosa, ou tinguida cun pouco de viño…

As comidas deben mudar no verán?

Deben ser comidas de cuchara, aínda que non moi quentes, como sopas, gazpachos, caldos… Deste xeito tamén se engade auga na dieta. Hai que evitar as comidas copiosas e de dixestión difícil, esas provocan máis calor no corpo, e evitar tamén as bebidas alcohólicas.

Tamén hai que evitar o calor.

É bo que os maiores saian, pero nas horas extremas, é dicir, na primeira metade da mañá e na segunda metade da tarde, nunca nas horas centrais. Nós témolo en conta nas excursións, que son unha das actividades que máis levamos a cabo no verán. E ademais, hai que intentar utilizar roupa frouxa, transpirable e clara, porque os maiores son capaces de estar abrigados aínda que faga calor.

Como evitalo dentro das casas?

Se hai aire acondicionado mellor, pero non é imprescindible se se toman certas medidas. Por exemplo, as fiestras deben estar pechadas coas persianas ou con cortina durante o día, e nas horas frescas, abrilo todo para ventilar.

É recomendable que os maiores tomen sol?

Si,o sol é bo, pero nas horas de intensidade baixa. Moitos maiores teñen déficit de vitamina D e tomar o sol é moi beneficioso para eles e unha forma de recuperar a carencia dos meses de inverno. Está demostrado que o sol ten moitos beneficios, pero hai que evitar sempre esas horas centrais do día, e por encima de todo as queimaduras.

No caso de padecer algunha enfermidade, hai que ter máis coidado ca calor?

Hai que tomar cada caso individualmente. As persoas máis hipotensas ou que están con tratamentos hai que tomar máis precaucións porque teñen máis risco de padecer un golpe de calor. No caso dos que toman diuréticos, que axudan a ouriñar, tamén hai que ter máis coidado, porque se deshidratan máis rápido. Outros están con fármacos que diminúen a sudoración, co cal hai que ter coidado porque son máis susceptibles aos efectos da calor…

Cales son os primeiros síntomas dun golpe de calor?

Nós recibimos calor a través do metabolismo, da actividade muscular e do ambiente e temos que disipalo, pero ás veces a temperatura e tal que non somos capaces de eliminalo coa velocidade suficiente. O corpo quéntase moito e prodúcense lesións en diversas partes como baixadas de tensión, taquicardia, afectación renal, hepática, cerebral… Se non se trata con rapidez, pode chegar a provocar coma e tamén a morte. Ademais, o calor tamén pode provocar deshidratación.

Como se debe actuar para palialo?

O máis inmediato é enfriar a persoa, porque a temperatura corporal está por riba dos 40 grados. Con panos e compresas molladas en auga fría xa serviría, colocados polo corpo.

A partir de que idade hai que extremar as precaucións?

É relativo. Pode haber persoas maiores, pero non moito, de 60 ou 70 anos, que son persoas hábiles, pero outras poden padecer enfermidades. Aquí temos a persoas con demencia que se esquecen de que teñen sede, e temos que extremar as precaucións. Tamén hai que ter en conta as patoloxías, a medicación e as súas necesidades.

E que temperatura comeza a ser perigosa?

As revisións sobre esta materia falan de que os problemas comezan a xurdir a partir dos 32 grados ambientais. Aínda así, temos que tomar as medidas normal tamén por debaixo desta temperatura. Por riba dos 37 grados, hai estudos que falan de que por cada grao que aumente, témoslle que dar á persoa sobre 300 mililitros máis de auga do que lle damos normalmente.

Leer el artículo completo en La Región